Vegalsa-Eroski prolonga por sexto ano consecutivo a súa alianza co Club Básquet Coruña

Vegalsa-Eroski renova, por sexto ano consecutivo, o seu apoio ao Club Básquet Coruña. O acordo, mediante o cal a compañía galega de distribución alimentaria continúa sendo patrocinador oficial do equipo na tempada 2026/2027, formalizouse esta mañá no Coliseum, da man do director xeneral da compañía, José Manuel Ferreño, e do presidente do club, Pablo De Amallo.

Ambas as entidades queren seguir impulsando un proxecto conxunto que vai máis aló da pista, apostando polo deporte como vehículo de transformación social. “Desde Vegalsa-Eroski reafirmamos o noso compromiso co Club Básquet Coruña, especialmente nunha tempada tan ilusionante como a que está a piques de comezar, marcada polo regreso do equipo á liga ACB. Compartimos co club valores que van moito máis alá da competición e que teñen que ver co compromiso coas persoas, a solidariedade e a promoción de hábitos de vida saudables. Con este acordo, sumamos forzas para que o deporte siga sendo unha ferramenta de impacto positivo na nosa sociedade”, sinalou o director xeral de Vegalsa-Eroski, José Manuel Ferreño.

Pola súa banda, o presidente do Club Básquet Coruña, Pablo De Amallo, agradeceu a Vegalsa-Eroski a súa aposta pola entidade laranxa: “Cando as alianzas se prolongan no tempo é cando podemos desenvolver proxectos sólidos e traballar eficazmente nos obxectivos que nos unen. Como club, temos a responsabilidade de que o deporte sexa unha verdadeira escola de valores para as novas xeracións de deportistas e de cidadáns, e para iso necesitamos compañeiros de viaxe que compartan esa visión e aposten por ela de xeito sostido no tempo. Estamos moi agradecidos a Vegalsa-Eroski por seguir formando parte deste camiño e axudar a que o baloncesto redunde positivamente na nosa comunidade máis aló da pista”, engadiu De Amallo.

Deporte con propósito

O acordo entre Vegalsa-Eroski e o Club Básquet Coruña non se limita ao ámbito deportivo, senón que se proxecta cara á comunidade con accións que promoven un estilo de vida saudable e solidario. Entre as actividades que se levarán a cabo no marco desta colaboración está a celebración de talleres sobre hábitos de vida saudables durante os campus infantís de Nadal, Semana Santa e verán e a colaboración entre entidades para levar a cabo causas solidarias, entre elas visitas dos xogadores profesionais ao Hospital Materno Infantil da Coruña ou encontros con usuarios de Down Coruña.

Ademais, desenvolveranse actividades internas dirixidas ás persoas que forman parte de Vegalsa-Eroski, como unha xornada de encontro cos xogadores do primeiro equipo e sorteos de entradas dirixidos tanto a persoal interno como clientes. A compañía será tamén patrocinadora do resultado final de cada cuarto de todos os partidos da tempada e patrocinadora oficial dun dos partidos da liga regular, en concreto do derbi Leyma vs Obradoiro.

Sobre o Club Básquet Coruña

O Club Básquet Coruña, fundado en 1996, é a entidade referente do deporte da canastra na cidade e a súa área de influencia. Posúe unha das maiores canteiras de toda Galicia, con preto de 800 nenos e nenas entre equipos federados e escolas vinculadas. O Club, que cumpre esta tempada os trinta anos de vida, impulsa numerosas iniciativas de promoción do baloncesto talles como campus, xornadas de portas abertas, charlas e visitas dos xogadores profesionais a centros educativos, así como concursos escolares, todo iso nun marco de concienciación social cara aos valores do deporte e os hábitos saudables.

Sobre Vegalsa-Eroski

Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 292 establecementos entre propios e franquiciados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservizos Familia, Cash Marca, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercancías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, alén das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.