O Salón Real do Concello da Coruña acolleu esta mañá a presentación oficial da Final Four 2026 de Primeira FEB que terá lugar esta fin de semana no Coliseum. No acto, presidido pola alcaldesa Inés Rey, estiveron representadas a Federación Española de Baloncesto e a súa homóloga galega, así como as administracións que apoian esta relevante cita deportiva na que se dirime a conquista da segunda praza de ascenso á liga Endesa.
A rexedora estivo flanqueada polo presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; a directora de Competicións da Federación Española de Baloncesto, Hanna Ballhaus; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García; o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o presidente do Leyma Basquet Coruña, Pablo de Amallo; e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
Nas súas intervencións, houbo palabras de benvida á nosa cidade a todos os clubs visitantes e aos seus equipos en liza -Súpers Agropal Palencia, Movistar Estudantes e Alimerka Oviedo-, así como ás súas respectivas afeccións, alén de asegurar que esta eliminatoria achegará sen dúbida un espectáculo de bo baloncesto, emoción e paixón nun Coliseum vestido para a ocasión.
O presidente do Club Básquet Coruña, Pablo de Amallo, agradeceu o apoio institucional que fixo posible traer a Final Four á Coruña e, moi especialmente, a calor de toda a Familia Laranxa que sen dúbida se fará moi presente na bancada para empuxar ao Leyma Coruña na pugna por facerse coa cobizada praza de ascenso á máxima categoría do baloncesto español.