O Leyma Coruña quenta motores para a nova tempada 25/26

Os xogadores do Leyma Coruña chegan estes días á cidade para iniciar a pretemporada este luns 18 de agosto, data na que se vestirán de curto e poñeranse ás ordes de Carles Marco, ademais de pasar os correspondentes recoñecementos médicos no Hospital Quirónsalud A Coruña, todo coa vista posta nunha nova e ilusionante tempada.

Antes de iniciar a liga Regular de Primeira FEB o 28 de setembro en Gipuzkoa, a escuadra laranxa terá un mínimo de seis compromisos de pretemporada, entre os que destacan o derbi #ante Monbus Obradoiro o venres 29 de agosto ás 20:30h en Vilagarcía e a tradicional Copa Galicia, que terá lugar no Coliseum da Coruña os días 5 e 6 de setembro. En caso de disputar a final copeira, o total de encontros de pretemporada ascendería a sete.

O mércores 10 de setembro a Familia Laranxa terá outra ocasión de recibir ao seu equipo na nova ‘Casa do Basquet’ desde a pasada tempada, o Coliseum coruñés, para medirse fronte ao FC Porto ás 20:00h, antes de poñer rumbo a Portugal onde disputará os seguintes encontros: o sábado 13 ás 19:00h (hora portuguesa) fronte ao Guimarães, e o luns 15 fronte ao FC Porto ás 20:00h (hora portuguesa). O último partido desta pretemporada será o sábado 20 de setembro contra o COB ás 12:30h, en Lalín.

Isto comeza xa! #ACoruñaquereBasquet