A Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas do Club Básquet Coruña SAD celebrada esta tarde en primeira convocatoria aprobou os orzamentos da Tempada 2025-2026. Neles reflíctese a importante aposta da entidade laranxa por levar de novo ao Leyma Coruña á máxima categoría do baloncesto profesional no noso país, confeccionando un equipo competitivo e ambicioso que arrincou a competición ligueira cunha ilusionante cadea de vitorias.
Na sesión destacouse a positiva resposta da afección, que a pesar do descenso da pasada tempada permanece fiel ao equipo de modo moi notable, alcanzando na actualidade os 5.564 abonos, demostrando que A Coruña e a súa área metropolitana quere baloncesto e identifícase cada vez máis co sentimento laranxa.
A canteira foi outro dos temas abordados, con 705 nenos e nenas en categorías de formación na presente tempada, con 34 equipos federados (400 deportistas en total) e 14 escolas en diferentes colexios (con 243 escolares). Ademais, en Club conta con 2 equipos de iniciación, Baby Básquet e Biberóns, con 38 e 24 nenos e nenas respectivamente. En total, o Club conta con 11 adestradores en persoal dedicados a estas categorías e apóiase en 15 adestradores voluntarios.
No capítulo de actividades destinadas aos máis novos, está previsto celebrar novas edicións dos campus, tanto os de verán -o tradicional Campus Millenium que superará a súa trixésima convocatoria e a sexta edición do Campus Atlantic centrado na tecnificación- como os Campus de Semana Santa e Nadal, que na anterior tempada bateron récords de asistencia.
Orzamento do primeiro equipo na Tempada 25/26
O orzamento total de gastos correspondente á tempada 25/26 ascende a un total de 3.306.054 euros, importe que inclúe a imputación de gastos xerais do club.
Na seguinte táboa móstrase a composición de gastos por natureza (cifras mostradas en euros):
| SOLDOS E SALARIOS 1 | 1.439.829 |
| SEGURIDADE SOCIAL | 263.665 |
| ALOXAMENTO E AXENTES | 228.013 |
| GASTOS 1ª FEB 2 | 362.526 |
| DESPRAZAMENTOS | 156.262 |
| OUTROS 3 | 855.758 |
| TOTAL | 3.306.054 |
1 Inclúe os salarios dos xogadores e do staff técnico
2 Inclúe custos de organización dos partidos e de participación na categoría
3 Gastos xerais
No apartado de ingresos subliñouse o papel fundamental de abonados e patrocinadores públicos e privados, que nunha parte importante han mantido as súas achegas na presente tempada, contribuíndo decisivamente á viabilidade dos obxectivos deportivos e sociais da entidade laranxa, con especial recoñecemento ao Concello da Coruña, titular do Coliseum.
Aprobación dos puntos da Orde do Día
Antes de finalizar a xuntaza sometéronse a votación por parte do accionariado presente os puntos da orde do día, resultando aprobado o orzamento da Tempada 2025-2026 e a elección da entidade Ruiz, Carnota, Blanco e Salgado Auditores, S.L. como auditores da Sociedade para as contas anuais do exercicio finalizado o 30 de xuño de 2025.
Igualmente, aprobouse a modificación do número de membros do Consello de Administración, pasando de oito a seis, dando conta da dimisión de Carlos López Cachaza e Alberto Méndez Dávila como conselleiros.
Deste xeito, o órgano reitor queda integrado por Pablo De Amallo Corral (presidente), Miguel Valín Pardo (vicepresidente), Enrique Muñoz Lagarón (secretario), e os vogais Ángel Fernández Corral, Felipe Fernández Rivadulla e Juan Pablo Otero González-Dans.
O próximo mes de decembro o Club Básquet Coruña celebrará unha nova Xunta Xeral de Accionistas, de carácter ordinario, para abordar o informe de situación financeira e a aprobación das contas da Tempada 24-25, unha vez auditadas.