Nace Laranbar, unha iniciativa para expandir o sentimento laranxa a través da hostalería

O Club Básquet Coruña presenta o proxecto Laranbar, destinado a expandir o sentimento laranxa pola Coruña e a súa área metropolitana a través dos locais de hostalería.

Pío Pío Bar foi o escenario elixido para dar a coñecer a iniciativa, coa participación dos xogadores Guillem Jou e Paul Jorgensen, así como clientes e amigos do negocio de restauración e eventos. O local situado na contorna da Praza de España dá nome a un dos colectivos de afección do Leyma Coruña e emite os partidos do equipo, polo que é un dos habituais puntos de encontro da Familia Laranxa.

Os establecementos que se unan a Laranbar formarán parte activa da comunidade laranxa como patrocinadores do Leyma Coruña, gañando visibilidade e estreitando lazos coa afección, ademais de favorecer a paixón polo deporte da canastra en calquera barrio e recuncho da cidade e da súa contorna.

O programa ofrece varias modalidades de patrocinio que inclúen vantaxes exclusivas como un distintivo identificativo para o local, bufandas e camisetas asinadas, invitacións e sorteos especiais para os partidos no Coliseum, publicacións en redes sociais ou a visita de xogadores ao establecemento.

Os locais interesados en ser Laranbar poden dirixirse ao Club Básquet Coruña a través do correo club@basquetcoruna.com e o teléfono 981 264 022.