Leyma renova o seu apoio ao Club Básquet Coruña

Leyma, marca pertencente ao Grupo Lence, empresa familiar 100% galega, única empresa galega entre as tres que máis leite recollen en Galicia e entre as oito primeiras lácteas que operan en España, renovou a súa alianza co Club Básquet Coruña.
A firma consolida novamente un patrocinio que perdura case dúas décadas. O acto contou coa presenza do presidente de Básquet Coruña, Pablo de Amallo e da presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence, e celebrouse no contexto da visita que fixo o persoal ás instalacións de Leyma en Arteixo (A Coruña).

Desde a súa estancia en LEB Prata ata a consecución do ascenso á liga Endesa, Leyma acompañou ao club en todas as súas etapas. Agora, neste novo tempo en Primeira FEB, a renovación do acordo de patrocinio fortalece o compromiso da compañía co equipo coruñés, un compromiso que vai moito máis alá da categoría na que milite.

Con este novo acordo, Leyma continuará formando parte do nome comercial do club e o seu logotipo estará presente no equipamento dos xogadores. En palabras de Carmen Lence, “para Leyma é un orgullo seguir sendo parte desta historia. Estivemos aí nos momentos de gloria e tamén nos retos máis duros. O noso compromiso co Club Básquet Coruña é firme, porque cremos no valor do esforzo colectivo e porque nos une a paixón polo club, a cidade e o baloncesto”.

Do mesmo xeito, Carmen Lence lembrou a homenaxe que o club rendeu ao seu pai, Jesús Lence, ao comezo da pasada tempada, cando se cumprían cinco anos do seu falecemento. “Este compromiso de Leyma co Club Básquet Coruña empezouno o meu pai e non teño dúbidas de que estaría feliz de ver que seguimos apoiando ao club. A homenaxe do ano pasado lémbroo con moito agarimo e quero aproveitar este momento para volver mostrar o meu agradecemento a todas as persoas que integran o Club Básquet Coruña polo detalle que tiveron”.

Pola súa banda, o presidente do Club Básquet Coruña, Pablo de Amallo, quixo destacar o papel esencial que tivo o Grupo Lence no fomento do baloncesto coruñés e concretamente no fortalecemento da entidade laranxa. “Esta tempada cumpriremos trinta anos de traxectoria e dous terzos deste camiño percorrémolos grazas ao apoio constante de Jesús Lence, e agora da súa filla Carmen”, asegurou de Amallo. “Gozamos e sufrimos xuntos, e nesta nova tempada seguiremos loitando coa máxima ilusión para seguir estendendo os valores deste deporte apaixonante e para dar alegrías á nosa afección, sabendo que sen a fidelidade dun patrocinador como o que representa a marca Leyma nada disto sería posible”.

Esta renovación do patrocinio chega nun momento clave para o club, que esta fin de semana inicia a liga regular en Primeira FEB co claro obxectivo de loitar por acabar no máis alto. Neste sentido, Carmen Lence apuntou que, “ao longo dos próximos meses, do mesmo xeito que durante todos estes anos, contaredes co apoio de toda a familia de Leyma en cada partido”.