Dídac Cuevas álzase co cuarto galardón “Xogador Estrella Galicia” da tempada. O noso MVP de Xaneiro recibe por segunda vez este recoñecemento, que recolleu esta mañá no Coliseum da Coruña da man de Luis Sánchez, promotor de Estrella Galicia na Coruña.
O base catalán obtén así este premio ao ser o máis votado polos afeccionados coruñeses a través das redes sociais do club. Dídac superou na votación a Dino Radončić e Joe Cremo.
Dídac asegurou que “neste momento de tempada quedan catorce finais, non se pode ver doutra maneira. O mércores, esteamos como esteamos e cheguemos como cheguemos, aínda que non teñamos o ritmo nin esteamos acertados, o que importa é que cando se pite o final teñamos un punto máis que o rival. Creo que estamos na liña correcta, querendo mellorar todo o que facemos mal, pero gañar é o que agora mesmo vale”.