Caio Pacheco – Xogador Estrella Galicia de Abril

Caio Pacheco recibiu esta mañá o sétimo galardón “Xogador Estrella Galicia” da tempada, correspondente ao mes de abril. É a segunda ocasión que noso base alcanza o recoñecemento, tras obtelo polo xogo despregado no mes de decembro.

O premio ao xogador brasileiro é resultado da votación dos afeccionados coruñeses a través das redes sociais do club, onde superou en votos aos seus compañeiros Joe Cremo e Paul Jorgensen.

No acto celebrado no Coliseum da Coruña, Caio asegurou que “como todos dicimos sempre, o premio é de todos e agora xa estamos moi enfocados no primeiro partido de playoff que é mañá, e poder chegar ao noso obxectivo”.

Para a primeira rolda ao mellor de 5 partidos, o base indicou que “o importante é o xeito de expor e empezar o partido, cada un serán batallas e oxalá que poidamos saír vitoriosos da serie”.

Destacou a singularidade do sucedido na liga regular, na que dous equipos finalizaron co mesmo número de vitorias e derrotas, ao que engadiu que mentalmente toca pasar páxina e enfocarse na oportunidade de ascender vía playoff, sabendo da dificultade do reto. Así mesmo, subliñou “a importancia de manter a nosa identidade e o noso xeito de xogar que nos trouxo ata aquí e non deberiamos cambiar para o que queda de tempada”.

Sobre a afección laranxa, afirmou que “sen eles nada do que pasou sería posible” e pediu unha vez máis o seu apoio: “esperámoslles en todos os partidos, oxalá poidamos pasar dos playoffs e ter a final four en casa, que é algo super especial, demostramos que xogar en casa ao lado da nosa xente é moi importante para nós”.