Abertas as inscricións ao XXXI Campus Milenium Cabreiroá

Como todos os anos ás portas do verán, o Club Básquet Coruña organiza o seu campus máis emblemático, o Campus Milenium Cabreiroá, que suma xa a súa XXXI edición.

Dirixido a nenos e nenas nacidos/as entre 2010 e 2020, vén cargado de novidades que axudarán a vivir unha experiencia inesquecible. Baloncesto, por suposto! pero tamén natación, vela, escalada, golf, birlos, sendeirismo, carreiras de orientación, boxeo… e unha infinidade de actividades deportivas e de lecer para desfrutar ao grande.

Desenvolverase durante dúas semanas, de luns a venres, entre o 22 de xuño e o 3 de xullo (excepto o festivo 24 de xuño), no Colexio Obradoiro.

As actividades teñen lugar desde as 09.00 ás 18.00 horas, estruturadas en catro bloques. Dous deles son de baloncesto, con contidos de aprendizaxe pola mañá e con contidos máis lúdicos pola tarde. Os outros dous bloques son recreativos, con actividades ao aire libre.

Co colexio Obradoiro como sede do campus, os nenos e nenas desfrutan de piscina climatizada cuberta, pavillón de deportes con pista multiusos, pistas de futbito, cancha de voleibol, xardíns e amplos espazos ao aire libre. Ademais, o servizo de ecocomedor que impulsa o centro escolar asegura unha dieta sa para os participantes do Campus, con dietas equilibradas e produtos de proximidade.

Como é habitual, realizaranse varias saídas durante o Campus para levar a cabo actividades noutras localizacións.

Consulta os prezos NESTA LIGAZÓN, no que podes formalizar as inscricións.

Un campus para desfrutar dun verán moi laranxa!