Vegalsa-Eroski e o Club Básquet Coruña renovaron por quinta tempada consecutiva a súa colaboración a favor da promoción da saúde, a sostibilidade e a solidariedade desde o deporte. Fixérono na que volve ser a casa do equipo coruñés, o Coliseum, de man do director xeral da compañía galega de distribución alimentaria, José Manuel Ferreño, e do presidente do club, Pablo De Amallo.
Ámbalas entidades queren seguir construíndo un proxecto conxunto que vai máis aló da pista, apostando polo deporte como vehículo de transformación social. “Para nós é un orgullo seguir apoiando ao Club Básquet Coruña. Esta colaboración permítenos impulsar accións sociais desde o deporte, as cales reforzan o noso propósito de xerar un impacto positivo na comunidade”, sinala o director xeral de Vegalsa-Eroski, José Manuel Ferreño.
Pola súa banda, o presidente do Club Básquet Coruña, Pablo De Amallo, expresou o seu agradecemento a Vegalsa-Eroski “por seguir ao noso lado unha tempada máis, coa vista posta na promoción dun baloncesto que impulse a cohesión social, o respecto mutuo e os hábitos saudables na nosa contorna, axudando especialmente ás novas xeracións a ser mellores persoas a través da práctica e do espectáculo deportivo”.
Deporte con propósito
O acordo entre Vegalsa-Eroski e o Club Básquet Coruña non se limita ao ámbito deportivo, senón que se proxecta cara á comunidade con accións que promoven un estilo de vida saudable e solidario.
Entre as actividades que se levarán a cabo no marco desta colaboración está a organización de tres talleres sobre hábitos de vida saudables, enmarcados nos campus deportivos infantís de Nadal, Semana Santa e verán. A compañía tamén brindará apoio a catro causas solidarias impulsadas polo Club Básquet Coruña, entre elas as visitas dos xogadores profesionais ao Hospital Materno Infantil da Coruña durante o Nadal ou os encontros con usuarios de Down Coruña.
Ademais, desenvolveranse actividades internas dirixidas ás persoas que forman parte de Vegalsa-Eroski, como unha xornada de encontro cos xogadores do primeiro equipo, e accións dirixidas tanto a empregados como clientes, entre elas sorteos de entradas para toda a tempada e de camisetas asinadas.
Vegalsa-Eroski contribúe ao desenvolvemento das actividades previstas no acordo como patrocinador oficial do equipo, que este ano compite na categoría Primeira FEB. A compañía será tamén patrocinadora do marcador ao final de cada cuarto e dun dos partidos da tempada, nunha aposta por estar preto da afección nos momentos clave do xogo.
Sobre el Club Básquet Coruña
O Club Básquet Coruña, fundado en 1996, é a entidade referente do deporte da canastra na cidade e a súa área de influencia. Posúe unha das maiores canteiras de toda Galicia, con preto de 800 nenos e nenas entre equipos federados e escolas vinculadas. O Club, que cumpre esta tempada os trinta anos de vida, impulsa numerosas iniciativas de promoción do baloncesto tales como campus, xornadas de portas abertas, charlas e visitas dos xogadores profesionais a centros educativos, así como concursos escolares, todo iso nun marco de concienciación social cara aos valores do deporte e os hábitos saudables.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castilla y León con 289 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.




