Caio Pacheco achegará a súa versatilidade á dirección de xogo do Leyma Coruña

O Leyma Coruña anuncia a incorporación de Caio de Souza Pacheco (Río Claro, São Paulo, Brasil, 22 de febreiro de 1999; 189cm). O base brasileiro procede do Tizona Burgos, onde disputou as últimas dúas campañas de Primeira FEB.

Pacheco comezou a súa andaina profesional en Arxentina, onde militou durante tres cursos en Bahía Basket. O seu bo facer na liga suramericana, especialmente na súa última campaña alí, abriulle as portas para debutar na Liga Endesa da man de UCAM Murcia a finais da tempada 20-21.

Tras un fugaz paso polas ligas italiana e polaca, fichou polos Capitáns de Ciudad de México, onde competiu na G League estadounidense na 21-22. A súa breve estancia no Real Betis serviu de preludio para a súa chegada ao Tizona Burgos, onde se mantivo as dúas últimas campañas. Na xa finalizada 24-25 Pacheco promediou 13 puntos, 3.5 rebotes e 5.3 asistencias, sendo un dos bases máis destacados da competición.

Trátase por tanto dun xogador con experiencia na categoría, cun perfil moi ofensivo, capaz de desempeñar labores de base e escolta. A súa corpulencia e poderío físico permítenlle xerar vantaxes no un contra un, así como axudar no rebote. Estas características, unidas á súa capacidade de asistir, converten a Caio Pacheco nun xogador moi completo para a dirección do equipo.

Benvido ao club e á Coruña, Caio!