Arrinca a segunda edición do concurso escolar de cánticos “Paixón Laranxa: A Voz do Coliseum”

Xa está en marcha a segunda edición do concurso escolar de cánticos “Paixón Laranxa: A Voz do Coliseum” que o Club Básquet Coruña organiza en colaboración co Concello da Coruña.

O certame, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria dos centros educativos da cidade, premia a orixinalidade dos participantes, que deberán inventar un cántico de 30 segundos para animar ao Leyma Coruña. Búscase así fomentar o baloncesto e o sentimento de pertenza ao equipo a través da creatividade e a animación deportiva.

Desde hoxe ata o 27 de febreiro, os centros escolares poden inscribirse a través da web municipal de Educación, que recolle toda a información e bases do concurso. Tras disputar a fase eliminatoria en marzo e dirimir os mellores cánticos a través do voto nas redes sociais do club, os finalistas interpretarán o seu cántico no descanso do partido de liga que enfrontará ao Leyma Coruña e ao Monbus Obradoiro, o próximo 10 de abril no Coliseum. Como premio, o colexio da clase campioa nesta gran final recibirá a visita dos xogadores laranxas, ademais de merchandising e o recoñecemento en redes e web da entidade laranxa.

“Paixón Laranxa: A Voz do Coliseum” busca promover o espírito deportivo e o sentido de comunidade na nosa cidade. Coa participación dos colexios e o apoio da afección, fortalécese o vínculo entre o Club Básquet Coruña e as futuras xeracións da Familia Laranxa, promovendo un ambiente vibrante e respectuoso no Coliseum.

Toda a información e inscricións facendo click AQUÍ.