AFACO e a súa loita contra o Alzheimer, protagonistas de “16 partidos, 16 causas” do Grupo Osmos

O Club Básquet Coruña e Grupo Osmos, a través do programa “16 partidos, 16 causas”, recoñeceron no partido desta fin de semana o labor da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO), unha entidade que desde fai máis de tres décadas traballa para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta enfermidade e das súas familias.

AFACO leva desde os anos 90 impulsando a visibilidade e comprensión do Alzheimer, unha enfermidade que afecta a unha de cada cinco persoas maiores de 65 anos e a unha de cada tres maiores de 85. Só na cidade da Coruña estímase que unhas 27.400 persoas conviven con Alzheimer ou outras demencias, unha cifra superior á doutras provincias galegas.

A asociación pon o foco nos múltiples retos que afrontan tanto os pacientes como as súas familias, especialmente as mulleres, que seguen sendo as principais coidadoras. Entre os factores que inciden na situación destacan o atraso nos diagnósticos, a dificultade de acceso a axudas públicas, o envellecemento poboacional e as esixencias do ritmo de vida actual.

Actualmente, AFACO atende a uns 200 usuarios nos seus tres centros de día situados no barrio das flores e San Diego. Ademais de ofrecer atención directa, a entidade desenvolve un intenso labor para mobilizar recursos, apoiar aos coidadores, frear a deterioración dos enfermos e promover a formación e sensibilización social en torno ao Alzheimer.

A homenaxe realizada baixo a iniciativa “16 partidos, 16 causas” patrocinado polo Grupo Osmos, tivo lugar o venres 17 de outubro no Coliseum, durante o encontro fronte a Palmer Mallorca Basket Palma, correspondente á xornada 4 de Primeira FEB.

This will close in 0 seconds

This will close in 0 seconds