Dídac Cuevas incorpórase á dirección de xogo do Leyma Coruña

O Leyma Coruña incorpora ao seu plantel a Dídac Cuevas (Barcelona, España, 20 de xuño de 2000; 178cm). O novo base catalán chega dende San Pablo Burgos, equipo co que ascendeu á Liga Endesa o pasado mes de maio. Ademais, foi un xogador habitual nas categorías inferiores da Selección Española.

Dídac empezou a xogar a baloncesto en SESE (Secció Esportiva Santa Eulàlia), na súa Barcelona natal, para posteriormente unirse ás filas do Joventut Badalona nas súas categorías inferiores. Na tempada 2018-19 deu o salto a LEB Prata con CB Clavijo (disputou seis encontros), antes de sumarse a CB Prat de LEB Ouro. Na seguinte campaña asinou con Melilla Club de Baloncesto en LEB Ouro, volvendo á súa cidade na 2020-21 para incorporarse ao Barça B en LEB Prata.

Na tempada 2021-22 incorporouse a Tizona Burgos en LEB Prata, conxunto co que logrou o ascenso a LEB Ouro e no que militou ata xaneiro de 2024, momento no que, polo seu bo facer na pista, recibe a chamada de Casademont Zaragoza da Liga Endesa, chegando a disputar tamén encontros de FIBA Europe Cup co equipo zaragozano. Esta última tempada xogou cedido en San Pablo Burgos, facéndose coa Copa España FEB e o Campionato de Primeira FEB. Co equipo burgalés promediou 6.5 puntos, 3 rebotes e 3.1 asistencias por partido.

Cuevas é un xogador que conta con ampla experiencia no posto de base. Sabe facer xogar ao equipo, posúe visión de xogo, e as súas calidades técnicas e físicas outórganlle unha gran capacidade para o desborde no un contra un. Igualmente destaca polas súas rápidas transicións de lado a lado da cancha e é un gran defensor que sempre pon en dificultades ao base rival.

Bienvenido ao club e á Coruña, Dídac!