O Leyma Coruña, que segue configurando o seu cadro de xogadores para a tempada 25-26, incorpora ás súas filas a Jacobo Díaz Alejano (Madrid, España, 23 de xullo de 1996; 206cm). Jacobo é un 3 que tamén pode desempeñar o posto de 4, formado nas categorías inferiores de Movistar Estudantes. Tras o seu paso por Magariños puxo rumbo a EEUU, concretamente a Indiana University of Pennsylvania, desenvolvendo a súa etapa universitaria entre 2015/16 – 2018/19. Ao seu regreso ao noso país recalou no Marín Ence PeixeGalego, de LEB Ouro, poñendo rumbo posteriormente a Palmer Alma Mediterránea Palma.
Tras a súa estancia na illa asinou con Covirán Selecta, equipo no que foi clave e co que logrou o ascenso á Liga Endesa na tempada 2021/22, e co que debutou na máxima categoría do baloncesto español. Tras dúas tempadas no conxunto nazarí, o xogador madrileño sumouse ao Tizona Burgos, club do que procede agora e no que competiu as dúas últimas tempadas, promediando 7.5 puntos e 4.2 rebotes por partido.
Jacobo é un xogador versátil cunhas características moi interesantes tanto para a posición de 3 como de 4. Conta con capacidade para botar o balón ao chan, tirar de tres, axudar no rebote e iniciar contraataques subindo el mesmo o balón. Así mesmo, e dada a súa polivalencia, vai poder axudar ao equipo en moitas facetas do xogo.
Benvido ao club e á Coruña, Jacobo!