Yoanki Mencía, primeira peza do Leyma Coruña 25-26

O Leyma Coruña anuncia a incorporación de Yoanki José Mencía Hernández (Sancti Spiritus, Cuba, 23 de setembro de 1997; 198cm) para abrir a conformación do plantel do curso 25-26. Mencía provén do Casademont Zaragoza, onde xogou na liga Endesa e en competición europea (BCL e FIBA Europe Cup) as dúas últimas tempadas.

O xogador cubano arrincou o seu periplo profesional na liga A arxentina, onde disputou sete tempadas consecutivas en Ximnasia e Esgrima Comodoro Ribadavia, desde a 16-17 á 22-23. Durante esta etapa da súa carreira, Yoanki foi capaz de ir mellorando os seus rexistros ano a ano, pasando dos 4.1 puntos e 1.6 rebotes da súa primeira tempada completa aos 15.3 puntos e 7.6 capturas do seu ano final, rexistros que lle valeron para ser galardoado como MVP do campionato.

En outubro de 2023 deu o salto á liga Endesa para enrolarse nas filas do Casademont Zaragoza, onde disputou 64 partidos en dúas tempadas con medias de 6.6 puntos e 3.4 rebotes en 16.3 minutos de xogo.

É un xogador afeito a actuar na posición de á-pivote, pero que tamén pode adaptarse ao posto de 3. Destaca pola súa corpulencia e a súa capacidade para axudar no rebote. Tamén fai moito dano en situacións de campo aberto grazas á súa potencia no un contra un e o seu bo facer desde o bote. A nivel defensivo, achega versatilidade grazas á súa capacidade física, que lle permite cambiar nos bloqueos e poder enfrontarse tanto a xogadores interiores como a bases e exteriores.

Bienvenido Yoanki, ao club e á Coruña!