O Coliseum volveu vivir unha velada vibrante, esta vez ante un rival, o MoraBanc Andorra, que entrou moito máis entoado que os locais. Os malos minutos do Leyma Coruña foron dando paso a unha mellora clara no segundo cuarto, tanto en defensa como en ataque, con especial efectividade no xogo interior. Tras o descanso, nin uns nin outros deron o seu brazo para torcer, cun permanente intercambio de canastras e vantaxes, e unha lixeira superioridade dos de Carles Marco. Aínda así, o especial acerto exterior do conxunto visitante estivo a piques de forzar a prórroga, freada en seco por un triplo de Caio Pacheco sobre a bucina, que fixo estalar o estrondo na casa da Familia Laranxa. O MVP do equipo foi Alonzo Verge, con 20 puntos, 10 asistencias, 4 rebotes e 25 de valoración.