O partido deste domingo entre Leyma Coruña e iLERNA Lleida no Coliseum (Xornada 9 Liga Endesa) dará visibilidade ao traballo que realiza ACODI, a Asociación Coruñesa de Persoas con Diabetes. A acción enmárcase no programa “17 partidos, 17 causas” patrocinada por Grupo Osmos en colaboración co Club Básquet Coruña.
Desde 2006, ACODI busca mellorar a calidade de vida das persoas que conviven con esta enfermidade, ofrecéndolles apoio, información e acompañamento. Integrada por persoas con diabetes e as súas familias, a entidade promove unha atención sanitaria especializada, multidisciplinar e de calidade, así como os dereitos das persoas con diabetes, favorecendo a súa plena integración social. Así mesmo, a asociación reivindica os recursos necesarios para facilitar o autocuidado e fomenta a educación diabetolóxica como ferramenta fundamental para afrontar a enfermidade con autonomía e seguridade.
A través de diferentes iniciativas, ACODI ofrece apoio ás persoas recentemente diagnosticadas, organiza talleres, charlas e actividades formativas, e promove encontros e espazos de convivencia entre persoas con diabetes e as súas familias. Ademais, desenvolve accións de sensibilización dirixidas ao conxunto da sociedade para dar a coñecer a enfermidade, combater os prexuízos e fomentar hábitos de vida saudables.