O accionariado do Club Básquet Coruña SAD aproba os orzamentos da Tempada 2026-2027

A Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas do Club Básquet Coruña SAD celebrada esta tarde en primeira convocatoria aprobou os orzamentos da Tempada 2026-2027. En declaracións do presidente Pablo De Amallo, “este orzamento reflicte o compromiso e esforzo do club para facer posible o crecemento sostible e á vez lograr o equilibrio orzamentario, afrontando esta segunda tempada na liga Endesa co obxectivo non só de incrementar a nosa capacidade deportiva, senón de consolidar unha estrutura económica que permita ao club competir de forma estable na máxima categoría”.

Na sesión subliñouse que as contas se elaboraron con criterios de prudencia económica e insistiuse na necesidade de seguir contando co apoio de afeccionados, patrocinadores e institucións, con especial recoñecemento ao Concello da Coruña, titular do Coliseum.

Destacouse tamén a resposta da afección e o seu compromiso co equipo neste ilusionante regreso á máxima categoría, alcanzando na actualidade os 6.854 abonados, fronte aos 5.825 da pasada tempada.

A canteira foi outro dos temas abordados, con 711 nenos e nenas en categorías de formación na presente tempada, con 39 equipos federados (430 xogadores) e 11 escolas en diferentes colexios (225 escolares). Ademais, o Club conta con 2 equipos de iniciación (Baby Básquet e Biberóns) que suman un total de 34 e 22 nenos e nenas respectivamente. O persoal do Club integra a 11 adestradores dedicados a estas categorías e apóiase en 22 adestradores voluntarios.

O orzamento ascende a 5,87 millóns de euros. O primeiro equipo e a competición na máxima categoría do baloncesto español lévase o 80% deste orzamento. O 20% restante distribúese entre a canteira e os gastos de estrutura do club.

Aprobación dos puntos da Orde do Día

Antes de finalizar a Xunta sometéronse a votación por parte do accionariado presente os puntos da orde do día. Concretamente, aprobouse por unanimidade:

• Orzamento correspondente á tempada 2026/2027.

• Ratificación do outorgamento dun contrato de peza de dereito de crédito a favor da Asociación de Clubs de Baloncesto.

• Nomeamento de Ruiz, Carnota, Blanco e Salgado Auditores, S.L. como entidade auditora das contas anuais da Sociedade.