A loita contra o alzhéimer, no foco do programa “17 partidos, 17 causas” de Grupo Osmos

AFACO, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Coruña, será a entidade protagonista do programa “17 partidos, 17 causas” durante o partido deste sábado 10 de outubro no Coliseum, no que Leyma Coruña medirase a Casademont Zaragoza (Xornada 3 da Liga Endesa).

A iniciativa que promoven Grupo Osmos e o Club Básquet Coruña dará visibilidade ao traballo dunha entidade que cumpriu 30 anos de andaina, apoiando as persoas con alzhéimer e ás súas familias, ofrecendo asistencia psicolóxica e social, asesoramento en cuestións legais, sociais e económicas, e promovendo unha atención integral que permita mellorar ao máximo a calidade de vida das persoas con demencia e dos seus coidadores.

Así mesmo, a asociación impulsa o coñecemento e a investigación sobre o alzhéimer, fomenta estudos sobre a súa incidencia e evolución terapéutica, e mantén o contacto con entidades especializadas nacionais e internacionais para incorporar os últimos avances científicos. Tamén busca sensibilizar ás administracións públicas e á sociedade, difundindo información sobre o diagnóstico, tratamento e atención da enfermidade.