Dmytro Skapintsev será a torre do Leyma Coruña na liga Endesa

O Leyma Coruña completa o seu xogo interior coa chegada de Dmytro Skapintsev (Cherkasy, Ucraína, 1998). Trátase dun pivote de 2,16 metros, internacional coa selección ucraína desde categorías inferiores ata debutar coa absoluta no EuroBasket de 2022.

Os seus inicios no baloncesto tiveron lugar na canteira do SK Cherkasy Monkeys, equipo da súa cidade e no que se formou ata a tempada 2021-2022, cando se enrolou co BC Kyiv Basket. En ambos os conxuntos disputou a EuroCup, tendo un gran papel tanto nesa competición como na liga, o que lle abriu as portas para dar o salto alén do océano e unirse á G-League, primeiro cos Westchester Knicks durante as tempadas 2022-2024 e posteriormente cos Maine Celtics e Rip City Remix. Así mesmo, disputou a NBA Summer League cos New York Knicks e os Portland Trail Blazers. Esta última tempada xogou no Hapoel de Jerusalem, logrando o título de liga e disputando tamén EuroCup, onde promediou 5.4 puntos, 5.5 rebotes e 0.5 asistencias.

Dmytro é un pivote que vai axudar moito a nivel defensivo por todo o que pode condicionar os tiros dos xogadores rivais, polo seu gran posicionamento na zona debido ao seu físico. É moi bo xogador de pick and roll con movementos rápidos para a súa altura. Ademais, ten boa man para o tiro exterior, incluído de tres puntos.

Bienvenido ao club e á Coruña, Dmytro!