A canteira do Club Básquet Coruña volveu a asinar unha tempada chea de fitos e éxitos deportivos que axudan a fortalecer un dos piares do proxecto laranxa, que son as categorías de formación. Por primeira vez na historia do club, dous equipos nunha mesma campaña -categorías cadete feminina e minis masculino- lograron o billete para participar nun campionato de España. Un fito ao que se suma outro igualmente novo, como foi a participación nunha fase de ascenso á Liga Feminina 2 -a categoría de bronce nacional- por parte dun equipo feminino senior.
Ademais, por segundo ano consecutivo, todos os equipos de canastra grande -preinfantil, infantil, cadete e júnior- finalizaron clasificados no Top 5 de Galicia, tanto os masculinos como os femininos.
Ligas masculinas
O Básquet Coruña U18 logrou un meritorio 4º posto na liga Galega Júnior, mentres que o U17 proclamouse campión da liga da Coruña e campión da Copa Premium A Coruña. O U16 finalizou na 5ª posición da liga Galega Cadete, e o U15 completou o curso como subcampión da liga da Coruña e campión da Copa Premium A Coruña.
Pola súa banda, o U14 alcanzou o 4º posto na liga Galega Infantil e proclamouse subcampión da Copa Galicia, mentres que o U13 finalizou 3º clasificado na liga Galega Preinfantil. A guinda púxoa o U12, que conseguiu o subcampionato de Galicia en categoría Minis e selou a súa brillante tempada coa clasificación para o Campionato de España de Córdoba.
Ligas femininas
O Básquet Coruña Leyma de 1ª Nacional Feminina asinou unha excelente campaña ao finalizar 2º clasificado na primeira fase, cun balance de 21 vitorias e 5 derrotas, logrando a clasificación para a fase final de 1ª Nacional disputada en Segovia para dirimir o ascenso á liga Feminina 2.
O Leyma U17 concluíu na 5ª posición da liga Galega Júnior, mentres que a escuadra do Leyma U16 proclamouse subcampioa de Galicia en categoría Cadete, obtendo o pase para o Campionato de España de Cádiz.
En canto ao Leyma U15, levantou o título da Copa Premium A Coruña Cadete, mentres que o Leyma U14 terminou 4º na liga Galega Infantil e foi subcampión da Copa Galicia. As xogadoras do Leyma U13 proclamáronse subcampioas de Galicia en categoría Preinfantil e o Leyma U10 conseguiu clasificarse para a Fase Final Galega, disputada na Estrada.
Seleccións autonómicas e nacionais
Máis aló dos resultados por equipos, a tempada volveu a reflectir os froitos do traballo de formación realizado ao longo dos meses, o que permitiu contar cunha ampla representación nas seleccións galegas.
No Campionato de España celebrado en Huelva, Claudia Lorenzo, María Gavilanes e Sofía Lago formaron parte da selección galega cadete feminina, acompañadas pola adestradora Clara Silva.
Na categoría infantil masculina foron convocados Nicolás Nogueiras, Pedro Vázquez, Martín Gómez e Iago Medela, mentres que no Campionato de España Mini de Tarragona representaron a Galicia Leo Ibáñez e Martín Eiras, cos adestradores Iago Mariñas e Hugo Pérez integrando o corpo técnico da selección galega.
Así mesmo, o recoñecemento ao traballo desenvolvido polo club alcanzou o ámbito nacional: Iago Mariñas foi convocado como adestrador da Selección Española U13, acompañado por Joana Pujades no corpo técnico como preparadora física.
En resumo, a xa finalizada tempada 2025/26 confirma que a canteira laranxa segue dando pasos como unha das referencias do baloncesto galego grazas ao traballo diario de xogadores, xogadoras e entrenador@s, así como ao apoio das familias que confían a formación deportiva dos seus fillos á entidade laranxa, e con iso unha parte moi importante do seu desenvolvemento privado e social.
GRAZAS E PARABÉNS!