O Club Básquet Coruña incorpora a Álex Hernández á estrutura da entidade no seu regreso á ACB

O Club Básquet Coruña alcanzou un acordo con Álex Hernández, ex capitán do primeiro equipo nas catro tempadas de 2021 a 2025, para a súa incorporación á estrutura da entidade laranxa.

Hernández asumirá as relacións institucionais do club, alén de pilotar a área de mercadotecnia. Á súa traxectoria como xogador profesional de baloncesto durante máis de dezasete anos, o ex basee murciano suma unha ampla formación no ámbito deportivo e empresarial. Graduado en Administración e Dirección de Empresas (ADE) pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC), posúe senllos másteres en Dirección de Entidades Deportivas e en Dirección Deportiva de Baloncesto, alén de o Curso de Adestrador Superior de Baloncesto (CES) da Federación Española de Baloncesto, entre outros estudos.

Álex desenvolveu a súa carreira deportiva tanto en España como no estranxeiro. Formado na canteira do FC Barcelona, debutou na ACB co primeiro equipo antes de consolidarse en clubs nacionais como Cornellá e, especialmente, Manresa, onde permaneceu seis tempadas. Posteriormente xogou en Palma, Real Murcia e Leyma Coruña, ata a súa recente retirada.

A nivel internacional, defendeu as cores do Dzūkija Alytus de Lituania e do Stelmet Zielona Góra de Polonia, unha experiencia na que acrecentou a súa capacidade de liderado e dirección de equipos desde a posición de base.

A chegada de Álex ao Club Básquet Coruña axudará a fortalecer a estrutura do club para o seu regreso á ACB e á súa consolidación como entidade deportiva referente no baloncesto coruñés e galego. Neste novo horizonte, Yago Álvarez -director de negocio- pasa a asumir a xerencia do Club, mentres que Charlie Uzal continuará ao mando da dirección deportiva, alén de manterse a actual organigrama e profesionais nas restantes áreas do club.