A Asociación Coruñesa de Epilepsia, protagonista de “16 partidos, 16 causas” de Grupo Osmos

O traballo da Asociación Coruñesa de Epilepsia (ACE) centrará a atención do programa «16 partidos, 16 causas” que impulsa o Club Básquet Coruña e Grupo Osmos para visibilizar causas sociais relevantes que contribúen a lograr unha sociedade mellor na nosa contorna. Este recoñecemento terá lugar no partido deste domingo 26 de abril no Coliseum, entre Leyma Coruña e Inveready Gipuzkoa Basket, en encontro correspondente á Xornada 32 de Primeira FEB.

ACE centra o seu labor principalmente na atención ás persoas con epilepsia e ás súas familias, ofrecendo apoio, orientación e acompañamento no seu día a día. A entidade busca mellorar a calidade de vida das persoas afectadas, resolvendo dúbidas, facilitando información útil e creando un espazo seguro onde compartir experiencias.

Ademais, a asociación desenvolve diversas actividades de divulgación co obxectivo de dar a coñecer mellor a enfermidade á sociedade. Estas iniciativas tamén fomentan a participación dos socios, promovendo a convivencia, o apoio mutuo e a implicación activa dentro da entidade. Xunto a iso, organízanse actividades culturais que contribúen ao benestar emocional e social das persoas participantes.

Un dos principais obxectivos da ACE é combater o estigma que aínda existe ao redor da epilepsia. A través da información e a sensibilización, búscase que a sociedade comprenda mellor a enfermidade, eliminando prexuízos e favorecendo unha maior inclusión e normalización das persoas que conviven con ela.