O programa “16 partidos, 16 causas” que promoven o Club Básquet Coruña e Grupo Osmos poñerá o foco no labor que desenvolve Down Coruña, coincidindo co Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebrou o pasado sábado 21 de marzo.
O recoñecemento terá lugar no partido deste venres 27 de marzo ás 20.45 no Coliseum, no que o Leyma Coruña medirase ao Grupo Caesa Seguros FC Cartaxena CB (Xornada 27 de Primeira FEB).
A Asociación Down Coruña naceu grazas á iniciativa dun grupo de familias comprometidas coa construción dunha sociedade máis inclusiva e máis xusta. O seu propósito é garantir que as persoas con síndrome de Down poidan desenvolver o seu proxecto de vida con dignidade, autonomía e igualdade de oportunidades, participando plenamente na comunidade, do mesmo xeito que o resto da sociedade.
Este contexto fai que o labor de Down Coruña sexa non só necesaria, senón imprescindible.
A asociación centra o seu traballo en acompañar a cada persoa na construción da súa identidade, promovendo o seu desenvolvemento persoal e potenciando a maior autonomía posible. Para iso, ofrecen apoios educativos, facilitan o acceso ao emprego, desenvolven programas de vida independente e brindan asesoramento e acompañamento ás familias, que son unha peza crave en todo este proceso.