O Banco de Alimentos Provincia da Coruña, homenaxeado no marco de “16 partidos, 16 causas” de Grupo Osmos

O programa “16 partidos, 16 causas” que promoven o Club Básquet Coruña e Grupo Osmos centrará a súa atención no traballo que realiza o Banco de Alimentos Provincia da Coruña -antes denominado “Rías Altas”- en favor das persoas máis desfavorecidas.

O recoñecemento terá lugar no partido deste xoves 20 de febreiro ás 20:45 no Coliseum, no que o Leyma Coruña medirase ao Movistar Estudantes (Xornada 22 de Primeira FEB).

Esta entidade foi promovida por un grupo de profesionais xubilados en maio de 2010 como Asociación de carácter social sen ánimo de lucro. O Banco de Alimentos Provincia da Coruña é membro da Federación Española do Banco de Alimentos (FESBAL), Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2012 e declarado Ben de Utilidade Pública desde 2013.

O seu funcionamento baséase no principio de dar e compartir, e todas as achegas son gratuítas. Recóllense alimentos de procedencia moi diversa para a súa posterior distribución entre entidades sociais e organizacións que loitan contra a fame e a desigualdade na provincia da Coruña desde os centros de distribución situados na cidade herculina, así como Ferrol e Santiago de Compostela.