O Club Básquet Coruña e Grupo Osmos, a través do programa “16 partidos, 16 causas”, darán visibilidade ao traballo que a Fundación Érguete-Integración desenvolve para mellorar as condicións sociais, laborais e de vida das persoas en situación ou risco de exclusión social, mediante unha intervención integral e individualizada. Farano no encontro que o Leyma Coruña disputa mañá 11 de febreiro ás 20:45 no Coliseum fronte ao Caja Rural CB Zamora (xornada 20 da liga regular).
Así, as súas principais áreas de actuación en diversos puntos de Galicia son:
Formación e incorporación laboral: Promoción de itinerarios personalizados de inserción que integran orientación laboral, formación para o emprego, apoio ao autoemprego, prácticas e convenios con empresas, ademais da mellora de competencias sociais e dixitais e o acompañamento cara a un emprego estable e de calidade.
Intervención no medio penal: Desenvolvemento de itinerarios personalizados con persoas privadas de liberdade en centros penais e centros de inserción social, co obxectivo de mellorar a empregabilidade, reforzar habilidades persoais e favorecer procesos de reinserción social e laboral.
Intervención social: Atención a persoas con problemas de adiccións e/o en situación de exclusión social severa, desde un enfoque de dereitos, prevención e redución de danos, cubrindo necesidades básicas e ofrecendo apoio psicosocial, acompañamento e acceso a recursos.
Igualdade: Impulso de accións transversais e proxectos específicos para promover a igualdade real entre mulleres e homes, combater a discriminación e favorecer o acceso das mulleres á formación, ao emprego e a espazos seguros de participación e apoio.