O Club Básquet Coruña e Grupo Osmos, a través do programa “16 partidos, 16 causas”, renden homenaxe este mércores 17 de decembro a Ecos do Sur. Farano durante o derbi entre o Leyma Coruña e o Club Ourense Baloncesto, que comezará ás 20:45 no Coliseum. Ecos do Sur é unha entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 1991 para dar resposta ás desigualdades, defender os dereitos humanos e acompañar procesos migratorios desde a xustiza social.
Hoxe, 34 anos despois, é unha ONG con preto de 50 profesionais, que nas súas tres décadas de existencia desenvolveu máis de 900 proxectos para mellorar a vida de máis de 23.000 persoas, en Galicia, en Madrid e a nivel internacional.
Trátase da maior organización galega dedicada á defensa das persoas migrantes e refuxiadas, co apoio de socios, doantes e institucións.
Desde o seu nacemento impulsa procesos de transformación que combaten a exclusión social, especialmente no relativo ao acceso a dereitos de cidadanía e participación. Para iso, conta cun equipo interdisciplinar formado por profesionais da socioloxía, a psicoloxía, o dereito, a educación, a integración social, a orientación laboral, a mediación intercultural, o traballo social e o xornalismo.