O alero montenegrino únese ao proxecto coruñés para achegar a súa boa man desde o tiro exterior e as súas calidades técnicas
O Leyma Coruña anuncia a chegada dun novo xogador para o seu plantel da tempada 25-26. Danilo Brnovic (Cetiña, Montenegro, 8 de agosto do 2000; 200cm) é un alero con capacidade de adaptarse ao posto de á-pivote que destaca polo seu bo xogo sen balón e as súas boas porcentaxes desde a liña de tres.
O seu primeiro contacto co baloncesto profesional chegou na segunda división montenegrina, dende onde daría o salto a Tenerife. Na illa competiu durante catro cursos; os dous primeiros no Náutico Tenerife, onde aportou 10.2 puntos e 4.6 rebotes por partido en Terceira FEB, cun 37.5% desde o triplo. O seu bo facer gañoulle un oco no plantel do La Laguna Tenerife, onde chegou a debutar en ACB e Basketball Champions League mentres seguía formando parte do Náutico. En decembro de 2021, Brnovic recalou nas filas do Zornotza Saskibaloi Taleda de Segunda Feb, no que xogou 20 partidos ata final de tempada. A súa etapa en España outórgalle a condición de “cupo” ou xogador de formación local.
O KK Podgorica Bemax significou o seu regreso ao seu país natal no verán de 2022, neste caso para competir na primeira división montenegrina e na liga adriática. Tras dúas tempadas e media alí, moveuse ao OKK Spars Saraievo bosníaco, onde finalizou a campaña 24/25.
Danilo é un xogador con moi boas calidades técnicas e con capacidade de facer dano desde o perímetro polo seu tiro exterior, o seu xogo sen balón e as súas divisións ao aro ademais de axudar no rebote e como manexador.
Benvido ao club e á Coruña, Danilo!