O líder de Os Diplomáticos de Monte Alto protagoniza un vídeo que conecta a esencia do club coa forza irracional dunha cidade chantada no Atlántico, cando faltan poucas semanas para o debut fronte ao Barça no regreso á ACB.
En 1995, Os Diplomáticos de Monte Alto publicaron o seu primeiro álbum. Chamábase Arroutada Pangalaica. Era a forza vital dos barrios, da xente humilde, de quen fixo rock and roll en galego cando ninguén imaxinaba que iso fose posible.
Pero a arroutada latexa na Coruña dende sempre: no Entroido Choqueiro; nos barrios; no Atlántico. É un impulso que percorre a cidade e que reaparece cada vez que alguén decide que as cousas poden ser doutra forma. Agora, esa mesma forza ten cor laranxa: é o sentimento do Básquet Coruña.
E é Xurxo Souto, líder dos Diplomáticos, quen lle pon voz nun vídeo que o club publica hoxe.
«Arroutada é a forza vital. Ese talento que sae dende dentro e que che permite cambiar as cousas», explica Souto. «Dinche ‘as cousas teñen que ser así’. Non! Eu penso que poden ser doutra forma grazas ás nosas capacidades, á nosa confianza interior. Un impulso irracional, paixoal, que é quen de cambiar o mundo e a propia realidade».
A historia recente do Básquet Coruña é o triunfo do imposible. Un club que chegou á ACB saltando todos os camiños creados previamente. Que encheu o Pazo de Deportes e agora enche o Coliseum. Que o vindeiro 26 de setembro abrirá a nova tempada visitando ao Barça, un escenario que hai ben poucos anos pertencía ao terreo dos soños. Todo iso é arroutada.
Souto veo con claridade: «A Coruña é unha pedra chantada no Atlántico. Vivimos na rúa, pero convivimos coas grandes magnitudes da natureza. Co océano, co mar, co vento. A Coruña é puro realismo máxico. Como Básquet Coruña: puro realismo máxico».
Para o músico e escritor, o Básquet Coruña é un símbolo maior da identidade coruñesa, un lugar onde miles de persoas sitúan a súa felicidade. Por iso a arroutada dos Diplomáticos e a do club son, no fondo, a mesma: a da xente que decide que as cousas poden ser doutra forma. E fai que sexan.
«Soñemos. Vivamos. O poder da arroutada. As cousas non son como nos din que teñen que ser, senón como poden ser no noso corazón.»
Que medre a arroutada. Que medre o Básquet Coruña.
Saúde, arroutada e emoción.
PODES VER O VÍDEO AQUÍ