Os laranxas locen oficio e equipo para vencer ao FC Barcelona Lassa

O Leyma Coruña sumou esta noite a súa terceira vitoria consecutiva ao gañar por 93-85 ao FC Barcelona no partido disputado no Multiusos Fontes do Sar. Na roda posterior ao choque, o adestrador Tito Díaz manifestou a súa satisfacción polo triunfo, logrado a pesar da complicada semana, coa repentina saída de Dago Peña e a incerteza das horas previas ao encontro en canto á data de celebración e a localización definitivas.

Na súa opinión, isto puido explicar a saída algo fría dos locais, mentres que os de Alfred Julbe enchíanse de acerto e de tantos desde a liña exterior, chegando a acumular unha renda de 16 puntos antes de finalizar o primeiro cuarto. Pero, segundo Tito Díaz, os seus souberon reaccionar con defensas alternativas, maior ritmo e unha paulatina melloría do rebote na segunda parte, aínda que esta batalla gañárona os visitantes no cómputo global.

O certo é que ao descanso o marcador o Leyma Coruña ía xa só dous puntos por baixo (41-43) e nos primeiros minutos da segunda parte lograron mesmo escaparse dez arriba. Pero o FC Barcelona Lassa non se rendía e volveu igualar o partido, momento no que os laranxas tiraron de novo de oficio e luciron o seu mellor xogo de equipo. Así o quixo destacar Tito Díaz: "metemos máis de 90 puntos e valoramos 100, esta vitoria reforza ao equipo e o estilo segue sendo o mesmo", recalcou, grazas á achega de todos.

Finalmente, tivo palabras de agradecemento para os afeccionados que se desprazaron ata Santiago de Compostela a pesar do duro temporal, un esforzo que os xogadores notaron sen dúbida na pista e que contribuíu a seguir mantendo aos seus nos postos altos da táboa. Grazas afección!